TRIATREROS LEVA A ESCENA ‘MATANZA’ DE ROBERTO SALGUEIRO

Triatreros Teatro é unha compañía de recente creación vinculada a ESAD (Escola Superior de Arte Dramática) de Vigo. Este domingo 12 ás 19:00 horas traen ao Teatro Colón a obra Matanza, unha comedia visceral escrita por Roberto Salgueiro.

A obra preséntanos dous porcos xusto antes de ser acoitelados polo matachín.  Unha peza de corte contemporáneo que dirixe Beatriz Campos e interpretan os actores Omar Ferrín, Tone Martínez e Celia González. Matanza é unha comedia visceral apousentada nun drama existencialista na que os porcos pensan e senten como calquera de nós, coa diferenza de que eles están destinados a ser sacrificados para alimentar á comunidade.

Con esta montaxe a compañía Triatreros continúa a se especializar na posta en escena de textos de autores galegos contemporáneos, cos que lles gusta establecer un diálogo para compartir con eles a idea orixinal da obra e como, a partir dela, se executa o proceso de traballo. O seu primeiro espectáculo foi o café – teatro Improperio, e despois montaron a súa primeira obra de sala Hámster.