Volve ao Teatro Colón o ciclo Xoves de Música

  • Nesta segunda edición participan 11 grupos nun total de seis concertos que se levarán a cabo de novembro de 2016 a abril de 2017

O Teatro Colón pon en marcha a segunda edición do ciclo Xoves de Música que patrocinan Superbock Negra Sin e Gadis. O ciclo levarase a cabo de novembro de 2016 a abril de 2017 cun concerto mensual que contará coa participación de dous grupos. As entradas xa están á venda, poden adquirirse nos puntos habituais e teñen un prezo de 10 euros.

O ciclo Xoves de Música naceu coa intención de converterse en plataforma de exhibición para os músicos locais, e tamén nun espazo de intercambio de experiencias que poida reverter no fortalecemento do sector musical herculino. Iria Rodríguez, representante de Gadis, subliñou a importancia de apoiar este tipo de iniciativas que ‘ofrecen beneficios na nosa sociedade ao mesturar ocio, cultura e local’. Pola súa banda Roberto González, representante de Superbock Negra Sin, destacou o ciclo como unha boa ocasión para achegarse ás novas xeracións musicais ‘é unha moi boa ocasión para que os que non estamos ao día no que a música se refire, coñezamos o voso traballo e o que se está a mover no sector’.

O ciclo iniciase o vindeiro xoves 17 de novembro co concerto de Carmen Picado e Silvia Penide. Esta última anunciou que será unha noite chea de sorpresas ‘cunha escenografía feita para ocasión e colaboracións moi especiais coas que trataremos de crear unha atmosfera máxica e amosar o mellor de cada un dos nosos proxectos’.

Continuará o 8 de decembro con La Senda de Afra e Diariodeverano. Iago Gordillo, representante deste último grupo, destacou a importancia de poder actuar nun espazo coma o Colón ‘o Teatro Colón permítenos facer un produto que a nivel visual vai a estar moito máis coidado, podemos superar as nosas barreiras e non quedarnos só no musical’.

O 19 de xaneiro será a quenda de Prexton e Mar de fondo, o grupo Tregua e colaboradores actuará o 16 de febreiro, o 9 de marzo La Dance e Say my name e o xoves 20 de abril pecharán o ciclo Agoraphobia e The Trunks Band. Todos os concertos son ás 21:00 horas