ARRANCA A 3ª EDICIÓN DA MOSTRA DE TEATRO AFECCIONADO

Mañá, martes 7 de outubro ás 20:30 horas, dará comezo a III Mostra de Teatro Afeccionado que terá lugar no Teatro Colón todos os martes de outubro ás 20:30 horas. O grupo Jueves Te-antro inaugura esta edición coa obra Ticket, ao remate da función haberá unha homenaxe a Ana del Valle, directora do Grupo Talía.

A mostra que conta co apoio da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais) trata de servir de plataforma para dar a coñecer e visibilizar o traballo dos grupos afeccionados, un sector moi amplo e que cada vez ten máis peso – non só como ferramenta para os alumnos senón tamén como creador de pontes e camiños cara a profesionalización- na nosa comunidade. Ramiro Neira –director do mostra- destacou que ‘a característica de amador non está reñida coa calidade das propostas’ e que o obxectivo principal desta cita é ‘non só dotar de actores e actrices o ámbito profesional senón tamén axudar aos adolescentes, a través das ferramentas que lles aporta o teatro, a se converter en mellores persoas’.

Este ano a mostra está adicada a Ana del Valle á que se homenaxeará cunha mesa redonda ao remate a función de mañá martes 7 de outubro. Del Valle, que conta cunha traxectoria de 26 anos á fronte do Grupo Talía, destacou o teatro como ferramenta para tratar problemas nos nenos e mozos como pode ser a inseguridade, a timidez ou a tartamudez e como a adaptación aos alumnos é fundamental ‘los adolescentes y los niños han cambiado mucho en estos 26 años y hay que cambiar con ellos’.

Dentro desta 3ª edición e despois da xornada inaugural de mañá poderemos ver á compañía Los Cigarrales coa obra ¡Qué bollo es vivir! (1º Premio no Certame Calvo Sotelo en 2007) o martes 14, Eirugas da compañía Ateaco o martes 21 e o martes 28 De Leria con Castelao da Compañía Galeatro.

As entradas pódense  adquirir a través da páxina web do teatro www.teatrocolon.es, en www.servinova.com. No quiosco da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na sede do Centro Sociocultural A Fundación, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado, 9.00 a 21.00 horas. Ademais, no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche. Os espectadores poden adquirir tamén no despacho de billetes do Teatro Colón a Tarxeta Teatro Colón, un programa de abonados con innumerables vantaxes como descontos nunha trintena de locais comerciais da Zona Obelisco ou no hotel NH Atlántico.